Saturday 11 de May de 2024

A Banda Municipal reforza a programación cultural do San Xoán e das festas de barrio con actuacións na praza de San Andrés e no Ágora


Os dous concertos previstos, que terán este xoves 22 e o domingo 25, están incluídas na programación do Ciclo de Verán da Banda, que chega ao seu ecuador a finais de xuño para voltar novamente en agosto

A Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC) protagonizará esta semana dous novos concertos no contexto da programación correspondente ao Ciclo de Verán, que chegará ao seu ecuador a finais deste mes para volver posteriormente, xa en agosto, con máis actuacións ao aire libre.

Mañá, xoves 22 (20.00 horas), a Banda ofrecerá na praza de San Andrés o concerto ‘Músicas de ballet’, un evento incluído nas actividades festivas previas ao San Xoán deste ano, e no que as e os profesionais da agrupación interpretarán catro pezas compostas por diversas figuras recoñecidas como o estadounidense Alfred Reed, o alemán Jacques Offenbach e o ruso Piotr Ilich Tchaikovskyi.

As actuacións da Banda en espazos abertos ao público forman parte da folla de ruta marcada polo Goberno de Inés Rey co obxectivo de reforzar a programación cultural en todos os barrios da cidade, dando a coñecer a actividade da BMMC e contribuíndo á difusión da súa actividade, historia e tradición.

A este respecto, tamén está previsto que este domingo 25 (12.00 horas) se leve a cabo un novo concerto no auditorio do Centro Sociocultural Ágora, con acceso de balde ata completar a capacidade do recinto. Esta actuación forma parte da programación do Foliagra, no contexto das festas do barrio da Agra do Orzán, promovidas pola Asociación de Veciños da Agra co apoio do Concello, e que están tendo lugar desde comezos de xuño.

A programación do concerto deste domingo, ‘Músicas do mundo’, abrangue diversas composicións de autores de diferentes lugares, como Franco Cesarini ou Antonín Dvořák, en homenaxe a diversas culturas do mundo.